Usuarios da Asociación Integro son formados por Sogama na xestión sostible dos RU
Educadores de Sogama desprazáronse onte á sede da Asociación Integro, en Cabana de Bergantiños (A Coruña) para formar a máis de 25 usuarios na xestión sostible dos residuos urbanos, incidindo na práctica diaria do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
A xornada estruturouse en dúas sesións. Con todo, e debido ao alto grao de interese do colectivo, prolongouse durante unha hora máis do previsto inicialmente. Os asistentes mostráronse moi participativos e chamou a atención os amplos coñecementos que tiñan sobre a recollida selectiva, mesmo sobre o contedor marrón, implantado recentemente no Concello de Cabana e xa asentado noutros municipios tales como Carballo, Laracha, Cerceda e Santa Comba.
Durante toda a xornada insistiuse na necesidade de previr e diminuír a xeración de refugallos, de alongar a vida útil dos produtos a través da reutilización e de segregar en orixe os distintos tipos de residuos e depositalos nos contedores correspondentes para propiciar o seu posterior reciclado.
A satisfacción dos monitores de Sogama non puido ser maior cando comprobaron que os usuarios lembraban perfectamente o proceso de tratamento do lixo no Complexo Medioambiental de Cerceda, que visitaron en abril de 2020.
Todos eles foron obsequiados con merchandising de Sogama e tiveron a oportunidade de aprender e gozar con distintos xogos, así coma con material gráfico e divulgativo.
SOBRE A ASOCIACIÓN INTEGRO
Trátase dunha entidade social sen ánimo de lucro que se creou no ano 1992 para promover a integración das persoas con diversidade funcional nas comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra.
Os seus servizos inclúen un Centro de Día destinado á atención integral das personas a partir dos 16 anos, proporcionándolles os coidados e o apoio necesarios para que logren unha maior autonomía, ao tempo que se facilita asesoramento ás familias para a mellora da súa calidade de vida; un Centro Ocupacional destinado a mellorar a formación e a capacitación dos usuarios coa finalidade de conseguir a súa inclusión laboral e social. E un Centro Especial de Emprego, cuxo obxectivo é o de proporcionar ás persoas traballadoras con discapacidade a realización dun traballo produtivo e remunerado, adecuado ás súas características persoais, facilitándolles deste xeito a integración laboral no mercado ordinario de traballo.
Fuente: SOGAMA